Friday 17 de May de 2024

O director xeral de Xustiza pon en valor a mediación como solución de conflitos para evitar o procedemento xudicial


Juan José Martín participa hoxe na Xornada de Mediación Penal e Xustiza, que levou a cabo o Colexio de Avogados de Pontevedra en colaboración coa Xunta, o CXPX, o Ministerio Fiscal, e a Universidade de Vigo

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín explicou a importancia da mediación coma solución de conflitos no marco da Xornada de Mediación Penal e Xustiza, que levou a cabo o Colexio de Avogados de Pontevedra en colaboración coa Xunta, o CXPX, o Ministerio Fiscal, e a Universidade de Vigo. Esta xornada abordou o desenvolvemento dun programa experimental de mediación familiar intraxudicial en Pontevedra.

Juan José Martín explicou nas Xornadas que a crecente xudicialización supón unha carga adicional á Administración de Xustiza en materias nas que a súa intervención non sempre está xustificada. Cómpre poñer en valor a mediación como solución de conflitos evitando o recurso ao procedemento xudicial, a desxudicialización.

A mediación tense constituído nos últimos anos como un modelo de solución de conflitos ao configurarse como unha actividade neutral, independente e imparcial, que axuda a dúas ou máis persoas a comprender a orixe das súas diferenzas, a coñecer as causas e consecuencias do acontecido, a confrontar as súas visións e a encontrar solución para resolver estas diferenzas. Isto constitúe unha canle fundamental na resolución de conflitos naqueles ámbitos nas que se está a implantar, como ferramenta complementaria ás solucións tradicionais, sendo unha peza clave na modernización da Administración de Xustiza, segundo destacou o director xeral de Xustiza.

Desde o Goberno galego estase apostando por este mecanismo a través do labor dos profesionais que integran os Grupos de Orientación Familiar e dos colexios profesionais de avogados. Ademais, estase estendendo a outros ámbitos en Galicia, coma ao ámbito penal, xa que desde o ano 2013 está implantado na nosa comunidade un proxecto experimental pioneiro en toda España que aplica a mediación penal para delitos contra a seguridade penal. Hoxe mesmo ponse en marcha en Santiago, en colaboración co Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos da Universidade de Santiago de Compostela (Ciarcus), unha actividade de mediación no ámbito penal.